Friday 03 de May de 2024

Gran participación na primeira das xornadas sobre actividade física e saúde organizadas polo Club Lousame Deporte


Foron inauguradas na noite do venres polo presidente do Club, Néstor Romero, e a concelleira de Deportes de Lousame, Maria Regenjo

Máis de medio centenar de persoas participaron na noite do venres en Lousame das dúas primeiras charlas organizadas polo Club Lousame Deporte co gallo da conmemoración dos días internacionais da actividade deportiva (venres 6) e da saúde (sábado 7). Unhas xornadas de participación libre e gratuíta que foron inauguradas polo presidente do Club Lousame Deporte, Néstor Romero, e pola concelleira de Deportes de Lousame, María Regenjo.

A concelleira agradeceu ao Club Lousame Deporte a súa colaboración “programando actividades complementarias ás que facemos dende o Concello de Lousame”. María Regenjo salientou que “é unha gran satisfacción ver o gran número de persoas que practican deporte en Lousame e penso que estas xornadas son unha oportunidade para aprender non só a importancia de facer deporte senón saber como facelo de forma axeitada, como identificar ou previr unha lesión ou como mellorar a nosa saúde a través da alimentación”.

Un punto no que coincidiu Néstor Romero, quen salientou que “entre os obxectivos que nos marcamos con estas xornadas é poder dar unha formación en materia de nutrición, hábitos de vida saudable ou primeiros auxilios tanto a deportistas profesionais como a todas as persoas que queiran formarse para ter unha maior calidade de vida a través do deporte”. Por iso, o presidente do Club Lousame Deporte salientou que “seguramente estas xornadas terán unha continuidade no tempo”.

Charlas

O feito de que se tratasen diferentes temas nas ponencias notouse na afluencia do público xa que, se ben houbo un núcleo dunhas trinta persoas que asistiron a ambas charlas, houbo numeroso público que asistiu unicamente a unha delas. A máis concorrida foi a titulada “Prevención, diagnose e tratamento”, impartida por Javier Fernández Neira, fisioterapeuta e osteópata da Clínica Fisioterapia Cinesia, que contou coa participación de numerosos pais e nais dos nenos e nenas que practican fútbol no municipio.

Fernández Neira comezou explicando a orixe da fisioterapia e rematou informando sobre como previr e tratar lesións deportivas. Xa máis entrada a noite, Miguel Pereira, adestrador persoal e asesor nutricional no centro Pro-Fitness en A Estrada, impartiu unha charla sobre “Nutrición no Deporte” na que fixo fincapé na necesidade de tratar cada caso de xeito individualizado. Así explicou que unha mesma dieta non é válida para diferentes persoas e alertou contra o que denominou “síndrome do tonto motivado”, salientando que os resultados non chegan unicamente coa motivación e o esforzo, senón fundamentalmente por saber administrar ese esforzo.